Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un bosque con 1.800 árbores para compensar emisións



REDACCIóN · PUBLICADO O 11 DE MARZO DE 2024 · (0)



A Tecnópole de Ourense comprobou que o 95% das súas emisións proceden do consumo eléctrico de climatización e iluminación. "Estamos a traballar no illamento de edificios, na mellora da ventilación, ampliaremos os paneis solares e fomentaremos o uso de transporte máis eficiente… Tamén imos elaborar unha guía de boas prácticas para as empresas” -explica o director xerente do Parque, Javier Taibo. E plantaron 1.800 árbores.


As árbores ocupan unha superficie de 2,2 hectáreas coa repoboación de terreos do Parque en desuso, logrando mellorar a paisaxe e evitando ao tempo a propagación de especies invasoras. A repoboación fíxose cun 70% de bidueiros e 30% de mestura de piñeiros, castiñeiros, serbais, carballos e acivros. E xerará cada ano a cantidade de osíxeno equivalente ao que precisan 88 persoas.

Baixo a marca “Tecnópole en Verde”  -https://tecnopole.gal/tecnopole-en-verde/, como primeiro paso calcularon a pegada de carbono xerada en 2022 polo mantemento de servizos e infraestruturas a disposición das empresas. Analizáronse emisións directas de gases de efecto invernadoiro, as procedentes da combustión en caldeiras, fornos e vehículos que son propiedade ou están baixo o control da entidade; e as emisións indirectas, asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida.

Segundo os resultados a pegada ascende ás 263 toneladas de CO2 ao ano, cifra referida aos 11.918 m2 dos seus tres edificios principais. 114 toneladas son de empresas instaladas nestes edificios, cifras similares ás medias de entidades similares.

O 95%

O estudo amosa que a principal fonte de emisión é o consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación polo que o obxectivo para os vindeiros tres anos é reducir nun 7,5% o consumo de electricidade. Un dos propósitos é que toda a enerxía proceda de renovables polo que foron introducindo a instalación de portas con cortinas calefactoras nos corredores, leds en todos os edificios e no alumeado exterior, a instalación dun sistema de calefacción mediante pellets… Vaise calcular a pegada de carbono correspondente a 2023 para comprobar se se está a reducir.

O “Bosque Tecnópole”

Ademais das citadas 1.800 árbores plantáronse novos arbustos autóctonos na zona axardinada, 200 plantas de acivro, loureiro e érbedo; xunto a castiñeiros, carballos e bidueiros, especies que non esixen de rego para a súa subsistencia. No futuro preténdese darlle un uso social como escenario para organizar xornadas.

Este é o segundo parque tecnolóxico de España en poñer en marcha iniciativas para reducir a pegada de carbono. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)