Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Madera Fiber, ofrecida a 13 compañías da automoción, o contract, o sector funerario e o naval



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE ABRIL DE 2024 · (0)



En outubro o Xulgado do Mercantil nº 2 de Pontevedra declaraba en concurso de acredores á antiga filial de Faurecia no Porriño que, tras a súa venda hai dous anos ao fondo alemán Callista Private Equity, acabou na quebra. Búscase unha saída aos 103 traballadores que están en ERTE prorrogado ata xuño. Polo de agora a metade das empresas contactadas non teñen interese en mercala, pero o resto están a valoralo.  


Esta mañá a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Igape, Covadonga Toca, reuníase co comité de empresa, o alcalde de O Porriño -o popular Manuel Alejandro Lorenzo-, e a administración concursal, o despacho de avogados Lener. Que dixo que en caso de non atopar unha empresa que facilite a continuidade da planta tocaría liquidación e activar a procura dun comprador industrial para os activos físicos, nave e a maquinaria. Touca mes e medio de traballo e tensa espera. 

O fondo alemán vendeu terreos e cedeu activos á compañía romanesa RW Future Tech SRL, que nos últimos anos pechou 11 empresas. O persoal galego esixiu volver estar en nómina da matriz, mentres Madera Fiber fala de “estreitas marxes comerciais co seu principal cliente”, que é Faurecia; “diminución da actividade e imposibilidade de renegociar prezos de mercado”.

O ERTE, que afecta a todos os traballadores da firma auxiliar de automoción, finalizou o pasado 11 de marzo pero o comité de empresa acordou co administrador concursal - o despacho de avogados Lener, con oficinas en toda España, filial en Vigo e que tamén leva o concurso de Hiperxel- unha prórroga de tres meses, agora en vigor, polo que estenderase ata o 11 de xuño.

A empresa tiña ademais pendente de resolución a demanda realizada por 30 traballadores que acusaban tanto aos donos actuais como aos anteriores -Faurecia e o Fondo Callista- de “cesión ilegal” dos empregados. Finalmente o 20 de marzo o Xulgado do Social 7 de Vigo condenou a Faurecia a readmitir ou indemnizalos. A xuíza corroborou que 32 empregados de Madera Fiber Technologies "desenvolveron as mesmas funcións e traballan para os mesmos clientes" antes e despois da venda da empresa de As Gándaras. "Desde que é vendida a planta do Porriño á nova empresa Madeira Fiber, non houbo nin novos proxectos nin tampouco clientes", dixo o xuíz, que deu a razón á parte social. 

Labor de intermediación

A través da Consellería de Industria traballouse nun estudo sobre a compañía para presentar a posibles investidores interesados en facerse coa firma, ademais dun plan de formación aos traballadores. Esta mesma mañá a conselleira de Economía e a directora do Igape reuníase co comité de empresa, o alcalde de O Porriño e a administración concursal para falar de onde se está ese proceso de procura de empresas. O Igape dixo que envióuselle documentación e propostas a 13 compañías, a metade non amosou interese e o resto están a valorala.  



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)