A empresa enerxética Solgaleo e a de enxeñería Sertogal, ollan ao rural
As dúas pemes ourensanas veñen de asinar esta mañá un acordo para ampliar clientes nun proxecto que, afirman, vai “universalizar a enerxía verde” abrindo a porta á participación da poboación rural na xeración e consumo de renovables. “Presenta vantaxes en todos os ámbitos”.
A achega municipal que esperan ter son os terreos para instalar os paneis de enerxía solar, información sobre o consumo e a participación activa no proxecto.
Unha das partes fundamentais deste proxecto que arrinca é a colaboración público-privada, neste caso tiveron apoio da Consellería de Economía e Industria pero ademais require da implicación dos concellos e das mancomunidades.
Independencia enerxética (a planta fotovoltaica que se instale cobre unha parte do consumo, fóra do sistema eléctrico), contribución a fixar ou atraer poboación e axudar a comercios, empresas de servizos e pequenas industrias no rural son vantaxes engadidas para os promotores. “Ademais da socialización que logran as plantas actuando como viveiros ou centros de información para asesorar e cubrir necesidades de consumo, co contacto entre persoal das instalacións e veciños”.
Solgaleo ofrece servizos enerxéticos e de xestión de residuos para administracións, empresas e particulares dende hai máis de 15 anos, coas oficinas no centro de Ourense onde se asinou o acordo. Mentres que Sertogal, que foi fundada en 1992, traballa no eido da enxeñaría e topografía tanto a nivel nacional como internacional inmersa nun proceso de transformación dixital, incorporando tecnoloxía láser de simulación virtual. Os seus clientes son sobre todo operadores da transmisión e distribución e das renovables.
A Xefa Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Alicia Mª López Míguez e o Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas desta mesma Consellería, Pablo Fernández Vila, asistiron á sinatura.
Comentarios (0)