As empresas do moble galegas, as que máis medraron en vendas de toda España
As comunidades que maior crecemento tiveron no primeiro semestre deste 2024 foron Galicia (+18,0%), Aragón (+13,5%) e País Vasco (+13,0%), se ben as de maior volume de exportación sobre o total (Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Murcia) baixan.
De feito, as exportacións das empresas de mobles españolas de xaneiro a xuño mantéñense practicamente igual que no 2023, apenas cun lixeiro incremento do 0,9%.
“As vendas internacionais do moble español aumentaron aínda que é certo que o ritmo de crecemento viuse retardado. Nos últimos anos as empresas do sector están a realizar un esforzo tremendo para adaptarse ás novas circunstancias e contexto mundial. Pero non é suficiente”, explica Jorge Mariner, presidente de Anieme, Asociación Nacional de Industriais e Exportadores de Mobles de España, con sede en Valencia.
O noso principal cliente é Francia, concentra un 27,8% sobre o total de moble español exportado. Por iso, o descenso de 3,2% da exportación española de mobiliario aos veciños ea diminución de vendas a outros mercados importantes como Estados Unidos, Reino Unido e Marrocos, influíron nas cifras totais de exportación.
Estados Unidos pasou do terceiro ao cuarto posto da clasificación de destinos do moble español cun descenso do 10,9% entre xaneiro e xuño 2024. Marrocos (-22,6%) e Reino Unido (-12,4%) son tamén mercados de gran importancia, non só polo tamaño, senón pola cantidade de proxectos que se están a realizar e que deben ser amoblados. Mercados que é imprescindible seguir apoiando para recuperar o volume de vendas, así como polas enormes oportunidades de negocio que seguen presentando.
A cita da Estrada
Este informe sae á luz recén pechada a 36ª edición da Feira do Moble de Galicia, cita moi coñecida e na que desta vez estiveron medio centenar de firmas que traballan no sector mobiliario, doméstico e decorativo. Galicia é un referente en materias primas e transformación da madeira, e a próxima apertura das novas instalacións educativas no IES Antón Losada Diéguez axudarán a formar aos profesionais que encabezarán a evolución da carpintería, un oficio que vive un rexurdir.
Comentarios (0)