O día a día das empresarias do rural
A sede en Oleiros da Fundación Juana de Vega reuniu hoxe a moitas delas, de diferentes sectores produtivos pero unidas por ter como cliente a Gadisa, que organizou a xuntanza.
Entre elas estaban Isabel Barral, directora de Produción de Queixería Barral, pequenas produtoras como a agricultora ecolóxica Tamara Sueiro ou Mª Jesús Infante, que cultiva patacas e repolo en Sada; e da industria agroalimentaria estiveron as voces de Carmen Carpintero, de Pollos Rivadulla, e Nuria Varela-Portas, de Pazo de Vilane.
A xornada -que tamén puido seguirse vía streaming- “Mulleres rurais: imprescindibles para o desenvolvemento sostible”, abriuna a directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, que falou delas como forza tractora nas comunidades locais liderando proxectos que vertebran territorio, afianzan poboación e por riba comercializan produtos de calidade e proximidade.
Como representante dunha empresa familiar do sector agroalimentario tomou a palabra Isabel Barral, directora de Produción, Calidade, e Seguridade Alimentaria de Queixería Barral, que dixo estar convencida de que hai “unha oportunidade indiscutible no rural” pero recoñeceu o reto da substitución xeracional así como a necesidade de atracción e a retención de traballadores.
Produtoras e industria
Intercambiar experiencias e achegar puntos de vista diferentes sobre a produción no campo galego foi o eixo das dúas mesas redondas organizadas, Na primeira, as protagonistas foron dúas produtoras de quilómetro 0: Tamara Sueiro, que segue as pautas da agricultura ecolóxica en Teixeiro e Mª Jesús Infante, que cultiva patacas e repolo en Sada. Dúas historias distintas cun mesmo relato: a importancia do local como base da alimentación e, a nivel persoal, as bondades do arraigamento ao territorio, da conexión coa natureza e da posibilidade de conciliar de forma razoable, todos aspectos moi positivos do seu traballo.
Na mesa da industria agroalimentaria as voces foron as de Carmen Carpintero, da empresa de produción artesanal ubicada en vedra (A Coruña) Pollos Rivadulla, e Nuria Varela-Portas, da coñecida firma de ovos de Antas de Ulla Pazo de Vilane, que coincidiron no interese por ofrecer oportunidades ás mulleres na contorna rural.
Finalmente a xestora de produtos cárnicos de Gadis, Natalia Calvo, incidiu no papel do sector para revitalizar unha contorna rural que o precisa, obxectivo compartido pola cadea de supermercados da que dixo que promove unha compra informada entre os consumidores para evitar o desperdicio cun exemplo básico: manteñen a carnicería ao corte, o que ademais xera emprego.
Comentarios (0)