Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

En marcha a construción das conexións do tren de mercadorías en Punta Langosteira



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2024 · (0)



O Porto Exterior da Coruña segue a acumular poxectos enerxéticos, a sumar empresas asentadas e a atraer investimentos públicos. As obras fainas Sacyr, cun ozamento de 22,3 millóns de euros e un prazo de execución de 23 meses, para que a rede interior estea operativa no verán de 2026. Nesa data concluirá ao tempo a ligazón coa rede xeral para aumentar a capacidade de xestión das mercadorías por tren que chegan e saen, estúdase explotar o trazado da vía convencional de Uxes, hoxe en desuso. 

Os traballos levan semanas en marcha pero o acto de inicio foi hoxe, momento aproveitado polo presidente galego Rueda para ir visitalos acompañado da alcaldesa da coruña, Inés Rey.


Rueda valorou o que a Autoridade Portuaria está a facer para atraer grandes proxectos enerxéticos de eólica mariña e hidróxeno verde, con firmas implicadas como Fisterra Energy, Enerfin, Navantia, Acciona ou Ferrovial, o que considerou contribuirá a potenciar a industrialización da área e, por extensión, de Galicia.

“Aquí está o futuro, están a sentarse as bases para que as enerxías verdes instálense” dixo, pedindo despois máis cartos do Goberno Central noutras conexións, como o Corredor Atlántico, a alta velocidade a Ferrol e a ansiada conexión con Portugal. 

Inés Rey tamén interviu no acto xunto con Dolores Salorio, directora de obra; o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado; o presidente de Puertos del Estado, Alvaro Rodríguez Dapena; e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo. A alcaldesa subliñou a colaboración entre administracións salientando o traballo conxunto para redefinir a fachada marítima da cidade.

A comezos do pasado verán comezaban as obras desta rede ferroviaria: instalación dos equipos, maquinaria e medios humanos. En 2026 debería estar todo feito xunto coa ligazón ferroviaria coa rede xeral, con escavacións dos túneis e a galería de evacuación. Os traballos coordínanse para que coexistan coa utilización normal do porto por parte das empresas asentadas.

O acceso ferroviario permitirá tráficos de graneis sólidos e líquidos que aínda operan no porto interior, ademais de facilitar a implantación de novos operadores e proxectos industriais acelerando a liberación de espazos no porto interior da Coruña, en liña co Protocolo para a reordenación da fachada marítima que en maio asinaron concello, Xunta e Goberno.

Aproveitar Uxes

A enxeñería pública Ineco iniciou hai un par de semanas a redacción de estudos de viabilidade para novas obras que complementen estes accesos ferroviarios sur. En paralelo o ministerio de Transportes busca mellorar a conexión do ramal de acceso co Eixo Atlántico e a rede xeral.

Os estudos céntranse en explotar o trazado da vía convencional de Uxes (a dez minutos do Porto Exterior) e adaptar unha estación para que xestione trens de mercadorías. Transportes suxiere empregar “o trazado e os túneis” que xa existen na liña procedente de Santiago de Compostela. A xuízo do Ministerio, “iso simplificará a conexión e a operación ferroviaria entre porto e trens que circulen polo Corredor Atlántico”.

O outro estudo céntrase na propia estación de Uxes, que podería acabar substituíndo á actual terminal de mercadorías da Coruña-San Diego.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)