A focense Reyco merca o grupo vasco Sacytrans
Tras da adquisición, a empresa de transporte e loxística galega pechará o ano cun volume de negocio de 60 millóns de euros e 500 camións, sumando aos centros que ten en Galicia, Valencia e Madrid un novo en Irún.
Reyco - con sede central en Foz (Lugo)-, naceu en 1995 e hoxe emprega de forma directa a 220 persoas, ten contratos estables con máis de 500 fábricas e xestiona 1 millón de cargas cada ano.
A vasca Sacytrans achega un almacén aduaneiro, o seu posicionamento en servizos aos países do Leste con Donau Tránsitos Internacionais e ofrece a posibilidade de liderar o transporte intermodal, co que a galega será dos poucos operadores especializados en transporte intermodal por ferrocarril, máis oportunidades e servizos para clientes presentes e futuros.
A transacción formalizouse despois de negociar co apoio de órganos reguladores do sector, que deron luz verde á operación. A compañía galega non descarta realizar máis adquisicións mentres ten crecementos de dúas cifras.
Ata o de agora, e tendo en conta o que engadirá coa nova adquisición, teñen 10.000 metros de almacéns, presenza en roteiros de transporte internacional dando servizo aos principais exportadores industriais do estado e a empresas europeas que comercializan en España; e tamén transporte por todo o territorio nacional, sobre todo con orixe e destino na zona norte da Península Ibérica.
Comentarios (0)