Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Novos tempos para a xestión dos dous tipos de montes veciñais, que cobran protagonismo e gañan atención



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 13 DE NOVEMBRO DE 2024 · (0)



Fálase moito dos montes en man común pero en Galicia temos montes de titularidade privada que son tanto as citadas comunidades en man común (comunidades xermánicas) como comunidades por cotas (comunidades romanas). Os deste último tipo reciben o nome de monte de varas, aberto, de voces, de vocerío ou de fabeo, segundo a comarca, se ben na provincia de Lugo é onde están a maioría, o 92%.

Este 2024 veron a luz novas regulamentacións para a xestión dos segundos e agora chega unha medra notable das axudas que poden pedir os xestores de calquera dos tipos: de 490.000 euros subiron a 2.376.000. 


Para que se poden pedir os cartos? Para os traballos de revisión dos cartafoles-ficha, ou sexa dos expediente que, pola súa antigüidade, non cumpren coa precisión que hoxe dan as técnicas topográficas, polo que deben completar datos. Tamén serán subvencionables os deslindes parciais entre montes. Os cartos cubrirán o 100 % dos gastos pero o importe máximo que pode recibir cada entidade será de 20.000 euros.

Poden beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común pero tamén as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas. No caso destes últimos é a primeira vez. Hai contabilizados 52, principalmente na provincia de Lugo. 

Hoxe publicáronse as axudas no DOG, cartos que saen do que xestiona a UE vía Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) compoñente 4. Restauración cando sexa necesario, reverter a perda de biodiversidade e garantir un uso sostible dos prezados recursos naturais, eixos que vertebran tamén Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que incide na existencia dun mundo forestal que tamén xere ingresos e emprego. Búscase a maiores e coma sempre axudar a fixar poboación.

Unha regulamentación esperada

O pasado 18 de xaneiro o Decreto 16/2024 regulaba o rexime xurídico e o rexistro dos montes de titularidade privada en Galicia, tanto de comunidades en man común (comunidades xermánicas) como de comunidade por cotas (comunidade romana). Os deste último tipo, montes en réxime de copropiedade pro indiviso, son menos coñecidos pero tamén importantes.

A denominación montes “abertos” ou “abertais” deriva de que non están pechados,  non se delimitaban con peches perimetrais artificiais (paredes, sebes, valos de arame, paus, terrones ou doutros materiais). 

A denominación montes “de fabeo”, fai referencia á parte do monte que se adxudicaba en aproveitamento ou cultivo exclusivo temporal polas “sortes” ou “senaras”.

A denominación de montes “de varas” ou “de varadío” obedece a que a repartición se facía en función da cota das “casas” de cada unha das persoas comuneiras adxudicando unha parte do monte de forma alongada chamada “vara”.

E a denominación de montes “de voces”, “de vocerío”, ou de “bocería”, é porque as normas de repartición e de aproveitamento saen da opinión do conxunto dos copropietarias, identificados polos nomes das “casas” de cada un (“voces”). Esa última denominación remite a “voz”, como cota ou parte do bravo e manso dunha aldea.

As diferenza dos montes veciñais en man común

Como dixemos, estes de orixe romana permanecen abertos e en pro indiviso, sendo na súa orixe de propiedade consorciada ou gregaria, anexos ás casas e estando a persoa propietaria en condicións de vender a sú parte ou abandonar a súa casa  sen perder o seu dereito á cota. A repartición faise conforme ás adquisicións hereditarias ou contractuais. Tanto o artigo 64 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, que caracteriza estes montes como montes en copropiedade romana, como a xurisprudencia da Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, afirmaron reiteradamente que, neste tipo de montes, cada persoa copropietaria está en condicións de vender, alugar o seu parte ou transmitirlla á herdeiros. Tamén se pode ceder, o dereito de uso e aproveitamentoa.

Historicamente os copropietarios mantiñan o costume de xuntarse periodicamente, normalmente na primavera para repartirse porcións determinadas do monte chamadas “sernas”, “searas”, “senaras” ou “separas”.  Habitualmente os aproveitamentos eran para pasto e leña e usados por todas as persoas comuneiras, pero á hora de facer rozas, a cada casa da aldea adxudicábanselle as súas varas. A xestión e o aproveitamento mudou de maneira considerable nos últimos anos, incluíndo novos paradigmas vencellados coa descarbonización.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)