Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A medicina que habita nos nosos bosques



REDACCIóN · PUBLICADO O 15 DE NOVEMBRO DE 2024 · (0)



Das 199 especies vexetais con usos para medicamentos recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento, 112 son da flora Ibérica e 85 medran en Galicia. Desa cantidade, 35 nos montes: sabugueiro, sangomiño, arandeira, a familiar árnica e a valeriana, a xarda ou xanzá, por exemplo. Por non falar das bondades de produtos forestais como castaña e noz, piñóns, o mel ou xamóns de animais criados á sombra das árbores.

De todo iso falará o luns 18 de novembro Antonio Rigueiro, profesor emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e presidente da Asociación Forestal de Galicia, na sede de Deputación lucense. 


Rigueiro pon de relevo que, aínda que a maior parte dos alimentos proceden da agricultura, a gandería e a pesca, o monte fai a súa achega. “Castaña e noz, sementes como os piñóns, o mel ou os xamóns ibérico de bellota ou de porco celta de castaña, así como os cogomelos, son alimentos que poden ser incluídos nunha dieta saudable".

E canto o evidente impacto positivo dos paseos polo bosque para regular a hipertensión, a función cardíaca, pulmonar e inmunolóxica, ao tempo de baixar inflamación, estrés, ansiedade, e depresión, non cómpren moitos estudos para confirmar o que o sentido común e a experiencia xa saben, pero tamén hainos.

A castaña, aínda que adoita incluírse entre os froitos secos, ten máis similitudes cos cereais. “Contén proteínas de alto valor biolóxico, ten un baixo contido en graxas, aporta vitaminas C, E e B e minerais (potasio, fósforo, calcio, magnesio e ferro), ao tempo que o seu contido en glute é baixo”, di o experto. Os cogomelos silvestres, como os fungos da muña ou níscalos e boletos teñen un contido elevado de auga e “aportan aminoácidos esenciais, una cantidade importante de fibra, non conteñen graxas e tamén son ricos en vitaminas e minerais”. 

O profesor referirase tamén na conferencia ao xamón ibérico de bellota, que procede de porcos de raza ibérica ou cunha proporción importante que se crían, alomenos unha parte relevante da vida, en prados, sobre todo de aciñeira. E ao xamón de porco celta de castaña, de animais tamén criados en soutos alomenos no período de ceba, con graxas insaturadas cardiosaudables como o ácido oleico, o mesmo do aceite de oliva. Das calidades organoléticas pouco hai que dicir destas marabillas gastronómicas.

Rigueiro é tamén membro numerario da RAGC institución que, coa Deputación de Lugo, e o Campus Terra da USC, organizan unha serie de conferencias gratuítas nas XXXV Xornadas Luis Asorey do 18 ao 27 de novembro, que citarán á que reserva parza (son gratuítas) no salón de actos da Deputación de Lugo de 19:00 a 21:00.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)