Comeza unha boa época para o sector madereiro
Un recente ditame do Comité Económico e Social Europeo sobre a construción recolle que usar madeira evita ata un 40 % de emisións de CO2 en comparación co formigón. Suecia e Finlandia tradicionalmente construiron con ela pero dun xeito ou doutro forma parte de arquitectura tradicional de toda Europa malia que mesturada con materiais como pedra, adobe ou palla.
Galicia segue a corrente coa obriga, por exemplo, de usar polo menos un 20% de madeira na estrutura dos novos edificios licitados pola Xunta. Ao calor nacen empresas como Xilonor, que esta mañá era visitada pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a titular de Vivenda, María Martínez Allegue.
Esta política de promoción madereira -o único material que ao final do seu ciclo de vida consegue unha pegada de carbono negativa- que percorre o continente alimenta á cadea forestal-madeira galega, que representa o 12% do emprego industrial e suma o 2 % do noso PIB con máis de 1.500 empresas.
Neste caso son Finsa e Maderas Goiriz as que están detrás do nacemento, en 2021, deste primeiro centro de CLT (madeira contralaminada) galego, con sede no Polígono Industrial de Coirós.
Naceu como un proxecto independente ao negocio habitual das empresas fundadoras e a posta en marcha da fábrica custou uns 15 millóns de euros, arrincando cunha oficina técnica conformada por persoal que xa traía experiencia. A madeira contralaminada que producen é 100% renovable e reciclable e permite construír en seco, no taller, para logo facer a montaxe en obra moi rápido optimizando a cimentación dos edificios.
No seu primeiro ano de actividade superou o millón de euros de facturación a gran maioría por traballos para vivendas unifamiliares, aínda que tamén participaron na instalación de Daniel Ibáñez e Vicente Guallart no Pavillón Mies van der Rohe de Barcelona onde amosaron as capacidades estruturais deste material.
Mass Madera -rede que reúne a arquitectos, empresas, institucións e organizacións que defenden o uso da madeira maciza en edificios de España- presentara un informe en xaneiro deste ano que apunta a que a utilización deste material crecerá de maneira exponencial e levará a unha industrialización para duplicar a capacidade produtiva de CLT, o favorito neste tipo de construcións. Aínda que Cataluña e País Vasco son as dúas comunidades nas que máis se emprega, Galicia xa ocupa o terceiro lugar.
Comentarios (0)