Novas posibilidades para sacar proveito comercial da resina que se extrae dos montes galegos
Conseguirase mellorando o proceso de destilación para crear produtos derivados desta materia orgánica e substituír compostos sintéticos nos pesticidas e na industria cosmética.
A Tecnópole acolleu esta mañá a presentación do proxecto que ten unha marxe de dous anos para tomar forma. Ademais, aumentar a rendibilidade dos montes fomentarnon só o seu coidado senón que a xente podia vivir deles, unha cousa e a outra están vencelladas. A consultora coruñesa Foresin está detrás da coordinación pero participan máis empresas e organismos.
O equipo vaise centrar no proceso de destilación da resina en envase pechado para lograr máis rendemento. Tamén determinarán a calidade identificando os atributos que lle confiran valor diferencial.
Haberá un deseño de estratexias de promoción fomentando a demanda dunha serie de produtos que poden reemprazar derivados do petróleo. É o caso da trementina da resina no sector dos pesticidas, ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética substituíndo compostos de orixe sintética.
Xunto coa citada Foresin -consultora especializada en xestión forestal e no aproveitamento resineiro-, forman parte o Grupo para a Análise Empresarial da Universidade de Vigo; a empresa Xagoaza Pinaster (do Barco de Valdeorras) que transforma resinas naturais; Glecex, biotecnolóxica especializada en extractos naturais con sede en Tecnópole; e Cetemas, Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira de Asturias. Ademais de ter a colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, firma de deseño e programación tamén da Tecnópole de Ourense.
O traballo conta co apoio da última convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Comentarios (0)