Máis unión entre bateeiros
Das 3.573 bateas instaladas 1.200 non forman parte dalgunhas das 45 asociacións que agrupan aos viveiros, polo que durante a Comisión do Mexillón onte celebrada pediuse máis cohesión para gañar forza e presencia na toma decisións e nas negociacións.
Este ano adiantouse o período de colocación e ampliouse o número de cordas colectoras permitidas polos cambios das condicións oceanográficas e ambientais, que provocan desprendementos do mexillón e que, en determinadas épocas, afecta tamén o desprendemento de fazula.
A nosa miticultura supuxo máis do 77% da produción acuícola española, o que dá medida da súa importancia.
A propia operativa do sector -que nos últimos anos elevou nun 50 % a produción de mexillón pequeno- fai que cada vez se requira máis cría para poder producir xusto cando o número de individuos en idade reprodutora é menor. Xa se estuda o uso de bateas de reparqueo de cultivo de ostra para a colocación de cordas colectoras coas que captar máis recurso ante o aumento da demanda.
Entre as causas dos desprendementos que lles están a fectar e que obrigou a administración a tomar medidas, nos polígonos máis exteriores da ría de Arousa os bateeiros cren que débese a anemone común, especie que sempre conviviu pero que agora medrou de máis. Polo demais nestes meses realizouse unha consulta -a pedimento de dúas entidades- sobre a posibilidade de que autónomos do mar recollan fazula tras contrato cos titulares das bateas, ademais de que sumáronse quilómetros novos de superficie para a extracción no litoral de Aguiño (Ribeira), Baiona, Bueu, Cangas e O Grove.
O conselleiro do Mar pediu onte na xuntanza sectorial un espazo común que permita unir forzas, canta máis unión máis información e mellores decisións. E acordouse un novo encontro de seguimento a comezos do mes de maio.
Comentarios (0)