Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Adeus a Olegario Vázquez Raña, o gran empresario mexicano fillo de emigrantes de Avión



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 28 DE MARZO DE 2025 · (0)



Nós lembrámolo como fillo de galegos -ten casa na vila ouresán a onde ía moito- pero para os medios de México é un mexicano máis xa que alí naceu. O seu Grupo Vazol móvese no sector dos hospitais, as infraestruturas, o turismo e os medios de comunicación. E foi deportista olímpico de tiro. Un dos seus tres fillos, Olegario Vázquez Aldir, é dos homes máis ricos da nación norteamericana.

O fundador de Grupo Empresarial Ángeles, Hoteles Camino Real, Grupo Imagen e membro do Comité Olímpico Internacional, faleceu esta madrugada aos 89 anos. Apenas hai uns meses, en novembro, recollía emocionado (na imaxe) o Premio Ourensanía.


Olegario púxose a traballar con nove anos na tenda familiar cos irmáns, Almacéns Vázquez foi o xerme de Grupo Empresarial Ángeles fundado en 1998 e que no 2024 foi rebautizado como Grupo Vazol. Entre as compañías que o conforman atópanse Hospitales Ángeles, a cadea de hoteis Camino Real, o Grupo Financiero Multiva, a construtora Prodemex e Grupo Imagen, un conxunto de medios de comunicación.

Vázquez Raña planeou a transición e no 2009 deixou en mans do seu fillo, Olegario Vázquez Aldir a presidencia executiva do grupo se ben segui sempre implicado.

Tiña tempo para todo, de feito representou a México en catro olimpíadas na modalidade de tiro -Tokio 1964, México 1968, Múnic 1972 e Montreal 1976- presidiu a Federación Internacional de Tiro Deportivo durante case catro décadas e foi membro honorario do Comité Olímpico Internacional.  

Construiu casa en Avión, onde regresaba regularmente por vacacións nos meses de verán, unha vez foi acompañado polo magnate mexicano Carlos Slim, con quen tiña amizade.

En novembro do pasado ano voltaba a Ourense para recoller o Premio Ourensanía, moi emocionado pola distinción. Alfonso Rueda, presente na entrega, valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia desde o exterior, á vez que se integraban nas súas sociedades de acollida. "El e tantos outros desa Galicia emigrada enviáronnos desde onde estaban a traballar duramente a mensaxe que necesitabamos: 'se nós puidemos nunha terra que nos era estraña ao principio, todo o mundo pode".




Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)