O PIB galego medra en 2024 un 2,8%
O contexto: son catro décimas menos que en España pero 1,8 puntos máis que o 1% da UE ou o modesto 0,9% da zona euro. E contrasta aínda máis coa preocupante contracción por segundo ano de Alemaña.
As nosas exportacións subiron un 3,6% fronte ao 0,9% estimado para as importacións, de feito o sector exportador galego concentra o 8,1% do total de España. E a construción volta a ser un motor se ben este panorana non se traduce de todo no emprego.
O sector exportador galego concentr o 8,1% do total de España cunha elevada concentración xeográfica, sectorial e empresarial: a UE suma case o 72% das vendas, e Francia segue a ser o principal destino por diante de Portugal, Italia e Alemaña. Fóra da UE o Reino Unido, que ao fin é un páis veciño e socio comercial dende hai séculos, mantense como sexto destino pero ascendendo Marrocos ao sétimo e ocupando Turquía o noveno.
En canto aos sectores máis exportadores é o téxtil o máis importante en termos de valor, por diante do automóbil.

Malia os problemas que hai en contraste coa contorna da zona euro, tanto a economía galega como a española amosa dinamismo, elemento que salienta o Informe de Conxuntura Socioeconómica presentado esta mañá polos economistas do Foro Económico de Galicia.
O estudo trimestral -explicado polos autores, Patricio Sánchez, Santiago Lago e Francisco José Armesto baixo a coordinación de Fernando González Laxe na sede de Afundación en Compostela -recolle que a actividade económica galega ten equilibrio entre demanda externa interna, con achegas positivas lixeramente superiores na externa que achega 1,5 puntos ao crecemento agregado do PIB, fronte a 1,3 puntos no caso da demanda interna. Este dato contrasta coa economía española onde a demanda interna contribue con 2,8 puntos, catro décimas máis que a externa.
A volta da construción
Tras anos de parón volta a ser o sector de maior crecemento en Galicia subindo ao 4,1% fronte ao 1,6% en 2023. A industria manufactureira medra tamén un notable 3,8% e sector servizos un 3,3%.
A asignatura pendente: a menor produtividade do tecido produtivo en relación á media de España. O comportamento do sector primario nos últimos anos é determinante nese descenso que en 2024 ficou un 24% por baixo da media estatal.
No eido do emprego o panorama é tamén máis sombrío. O dinamismo da actividade económica non se traslada ao mercado de traballo que presenta síntomas de ralentización nas catro variables: poboación ocupada, afiliación, postos de traballo equivalente e horas traballadas. En canto a poboación activa o informe salienta -por cuarto ano consecutivo- unha medra do 1%, crecemento que se concentra na poboación estranxeira: un 10,7% fronte 0,3% dos españois. Iso sí, aumenta o emprego indefinido e descende a xornada a tempo parcial con máis movemento no emprego feminino, na poboación foránea e nos perfis de FP pero tamén con estudos superiores.
Comentarios (0)