Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Manuela Gago e Noelia Tarazona recollen os Premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal 2025



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE ABRIL DE 2025 · (0)



O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acolleu este martes a gala de entrega do XIII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal á Dra. Manuela Gago Domínguez e do VI Premio a Talentos Emerxentes á Dra. Noelia Tarazona Llavero.


Ramiro Carregal abriu o acto felicitando as premiadas, «dúas mulleres cunha excepcional carreira profesional» e mostrando o «enorme orgullo» que supón ter a unha arousá entre o prestixioso elenco de galardoados nestes anos, xunto a nomes tan destacados como Mariano Barbacid, José Baselga, Guido Kroemer ou Marisol Soengas, entre moitos outros.

O acto estivo presidido polo xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, quen destacou os avances na loita contra o cancro grazas aos recursos que os galegos achegan cos seus impostos, á implicación da sociedade e á profesionalidade do persoal sanitario e investigador, entre o que cada vez hai máis galegos, como mostra o Premio Internacional deste ano concedido a unha galega de Ribeira. Así mesmo, o presidente da Xunta agradeceu a Ramiro Carregal "mecenas incansable" o seu apoio incondicional a Galicia e aos galegos e galegas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quixo apoiar tamén, coa súa presenza, o esforzo do empresario para quen o presidente executivo do Xurado, o Dr. Rafael López, tivo palabras de agarimo e admiración. O Dr. López agradeceu «un ano máis, e van 13, o esforzo e a defensa da investigación dun empresario modélico no ámbito do mecenado como é Ramiro Carregal». A continuación leu o fallo do Xurado que outorgou o XIII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, dotado con 30.000 euros, á Dra. Manuela Gago «pola súa ampla traxectoria internacional, cunha experiencia significativa na identificación de biomarcadores de cancro e a susceptibilidade xenética ao cancro»; e o VI Premio Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros, á Dra. Noelia Tarazona «polo seu compromiso coa investigación de vangarda e a súa capacidade para integrar coñecemento multidisciplinario na práctica clínica».

Cribado revolucionario en cancro de mama

Tras a entrega do trofeo, as premiadas explicaron en que consiste o seu traballo no ámbito da investigación oncolóxica. A Dra. Manuela Gago Domínguez, líder do Grupo de Xenética e Epidemioloxía do Cancro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), centrou o seu discurso no traballo que desenvolve actualmente como investigadora principal do Proxecto de Medicina de Precisión de Cribado Personalizado do Cancro de Mama financiado polo ISCIII, entre outros, con 1,2 millóns euros. Así mesmo, agradeceu ao doutor J. Esteban Castelao e á Dra. Carmen M. Redondo, ambos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) o seu apoio ao traballo galardoado.

O proxecto, recentemente iniciado, é un cribado personalizado de cancro de mama, baseado na medicina de precisión, no que participarán 10.000 mulleres de 14 comunidades autónomas O equipo galardoado, experto na estratificación do risco do cancro de mama, traballou durante os últimos 20 anos no desenvolvemento do modelo de cribado multifactorial personalizado que será aplicado neste proxecto, MamoRISK, que inclúe factores de risco xenéticos, factores non-xenéticos e factores mamográficos (medidos en detalle con técnicas de IA).

«O obxectivo é avanzar cara á prevención personalizada do cancro de mama calculando o risco individual de cada muller a desenvolver dita enfermidade. Ter un sistema de predición personalizada/individualizada de risco podería supor un cambio nas políticas de screening», explica a Dra. Gago. «Cun método de cribado como o do proxecto MamoRISK, que contempla todos os factores de risco, calquera muller, e o seu médico, poderían saber cal sería o seu risco de desenvolver cancro de mama, o cal tería unha grande influencia na forma na que se enfoca o seu seguimento, e, consecuentemente, non só na prevención senón tamén no seu diagnóstico precoz», destacou a premiada.

A Dra. Noelia Tarazona, Premio a Talentos Emerxentes

O premio a persoal investigador menor de 45 anos foi, nesta sexta edición, para a Dra. Noelia Tarazona «unha investigadora excepcional no ámbito da oncoloxía traslacional, cun historial destacado de innovación científica, liderado clínico e excelencia académica», tal como subliñou o presidente executivo do Xurado ao ler a acta de entrega.

A Dra. Tarazona é oncóloga médica no Hospital Clínico Universitario de Valencia e investigadora do Instituto de Investigación Biomédica INCLIVA, pero hai apenas dúas semanas comezou unha nova aventura en Boston (EUA). Desde alí acudiu a recoller o galardón en Santiago de Compostela, pondo de relevo a súa gratitude ao Xurado e especialmente ao mecenas, Ramiro Carregal, «polo seu exemplo e o seu apoio á ciencia». A premiada explicou o seu traballo, pioneiro na implementación de biopsia líquida para a detección da enfermidade mínima residual en cancro colorrectal, con impacto directo na personalización de tratamentos.

"Recibir este recoñecemento en Santiago, da man de D. Ramiro Carregal e do Dr. Rafael López, é unha honra. Emocióname pensar que, dalgunha forma, o esforzo, a dedicación e tantas horas de traballo tiveron un impacto real na vida dos pacientes”, sinalou a Dra. Tarazona. “Este premio leva o meu nome, pero é de todo o equipo que me acompaña cada día, porque en ciencia ninguén avanza só. Anímame a seguir loitando, investigando, buscando novas formas de tratar o cancro e soñando cun futuro máis esperanzador para quen o padecen", indicou a premiada.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)