Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Faleceu José Peña Guitián, pai da pediatría moderna en Galicia



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 02 DE ABRIL DE 2025 · (0)



Tras 99 anos de vida e máis de 60 traballando este home nado nunha familia do agro de Láncara (Lugo), foi quen de estudar medicina na USC onde licenciouse en 1950 para despois ser un referente na súa especialidade.

Ser alumno do mítico profesor Suárez, un revolucionario da pediatría que se practicaba no que hoxe é o Hostal dos Reis Católicos, marcouno. Despois completou formación en Bruxelas, París e Londres. Recolleu -entre outros recoñecementos- a Medalla Castelao e a Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade.


Non só traballou cos cativos como pediatra senón que exerceu moitas décadas como catedrático da Universidade de Santiago. 

Co profesor Suárez e o xefe de laboratorio de Pediatría, o doutor Del Río Anido, comezaron a realizar o test do cloruro férrico aos nenos con discapacidades intelectuais que acudían á consulta, o que lles permitiu diagnosticar tres dos catro primeiros casos de fenilcetonuria de España. 

Iniciou a súa carreira docente como axudante de clases prácticas na USC, onde foi profesor adxunto, encargado de cátedra e, posteriormente, como catedrático de Pediatría e Puericultura. 

Pola súa atención aos pacientes, en 2012 recibiu a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, a máxima condecoración que outorga a institución. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)