Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Historia sae a flote en Fisterra



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 03 DE ABRIL DE 2025 · (0)



En 1596, tras continuos saqueos británicos das nosas costas, Felipe II manda partir á Armada para axudar aos irlandeses contra a coroa inglesa. Desde Cádiz, Sevilla e Lisboa unha frota de máis de 100 naves con españois, italianos, franceses e irlandeses sufriu preto do Cabo Finisterra o naufraxio con máis barcos e vítimas da historia de Galicia á noite do 28 de outubro. 

Onte recuperouse un dos canóns de bronce que fican baixo o mar nun operativo coordinado por técnicos de Patrimonio da Xunta, o Grupo de Mergullo da Policía Nacional, o da Armada con sede en Ferrol, e membros do Club de Mergullo de Fisterra.


Os barcos comandados por Martín de Padilla son das frotas afundidas máis interesantes do amplo patrimonio arqueolóxico submarino das costas galegas. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural catalogou o achado a 3,8 metros de profundidade e a escasa distancia da costa e, polo obvio interese histórico, decidiu a extracción e o traslado a un centro museístico por determinar para evitar actos de espolio e a perda dunha peza única.

Pendente das análises os primeiros informes apuntan a que é un canón pedreiro de bronce documentado en pasadas campañas arqueolóxicas, duns dous metros e apertura na boca de 26 centímetros. 

1706 tripulantes mortos e 25 barcos afundidos. As cifras da época: Santiago de SM (307 mortos), Nave Anunciada (243), Angel Gabriel de Paulo Veira (174), David de Pedro Frías (163)... o resto das naves foron aparecendo en portos por todo o norte ata Vizcaya no peor naufraxio documentado en Galicia.

Varios dos pecios están localizados nesta ría. Ata o momento, foron achados preto de media ducia, per só dous foron explorados. En Sardiñeiro, onde foi recuperado este canón, está o pecio denominado de Punta Restelos e identificado como o Galeón Santa María la Anunciada; pero na Punta do Diñeiro de Corcubión está por exemplo o San Girolamo, todos  obxecto nos últimos anos de varias expedicións científicas. Hai documentadas pezas de artillería de ferro e bronce, armas como arcabuces e espadas, munición de ferro e chumbo e instrumental médico.  



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)