Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A investigadora Inés Gómez Otero recolle o VI Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 23 DE ABRIL DE 2025 · (0)



O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acolleu a entrega do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía que recaeu, na súa sexta edición, no traballo liderado pola Dra. Inés Gómez Otero, responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Especializada do CHUS e investigadora do IDIS.


O empresario e mecenas Ramiro Carregal foi o encargado de dar benvida aos asistentes deixando constancia do seu incondicional apoio á sanidade pública e á investigación científica como alicerces do estado de benestar. «Este premio vai destinado a un estudo que permitirá avanzar no coñecemento das enfermidades cardíacas, unha das principais causas de mortalidade. Ademais, trátase dun traballo que se desenvolve no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, un centro de referencia internacional, do mesmo xeito que o Hospital Clínico, o cal é un gran orgullo para todos os galegos», asegurou Ramiro Carregal.

No acto participaron tamén o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e o xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, que felicitaron o equipo premiado, ao que puxeron como exemplo do gran traballo que levan a cabo os profesionais da sanidade pública tanto no ámbito clínico como no investigador.

O conselleiro de Sanidade, subliñou o «forte compromiso da Xunta de Galicia coa cardioprotección da poboación reforzando a prevención, a atención especializada e a investigación na procura de novas vías de mellora». O titular da carteira sanitaria do Executivo galego puxo en valor os investimentos para mellorar a atención cardiolóxica na sanidade pública, a través da adquisición da última tecnoloxía de vangarda ou iniciativas como o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio, a posta en marcha da rede de atención ao shock cardioxénico ou o Programa Ariadna para o rexistro e xeolocalización dos desfibriladores externos. «Todos estes logros permiten mellorar a asistencia sanitaria ofrecendo unha resposta máis rápida e eficaz para reducir a mortalidade», remarcou o conselleiro.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a dificultade de «ser referente» sendo muller e nova: «A ciencia tamén ten os seus prexuízos, os seus teitos de cristal, os seus corredores cheos de voces que din “non vai poder", "non vai chegar". E Inés chegou», asegurou Goretti Sanmartín. «Por iso este premio, o Premio Ramiro Carregal, é tan especial. Porque recoñece non só a excelencia investigadora, senón a valentía de mirar o corazón sen medo, de mergullarse nas súas fraxilidades», indicou a alcaldesa.

O Dr. González Juanatey, xefe do Servizo de Cardiología e UCC do CHUS, incidiu na importancia da sanidade e da investigación no sistema público, «que tan ben representa o equipo que hoxe recibe este premio». O presidente executivo do Xurado destacou do grupo que lidera a Dra. Gómez Otero «o esforzo que leva a cabo por xerar novo coñecemento para mellorar o traballo diario en diagnóstico e tratamento dos nosos pacientes».

Manexo da insuficiencia mitral severa

O Dr. González Juanatey destacou o carácter innovador do proyecto premiado, que aborda un área clínica pouco estudada e permitirá obter información nova sobre as implicacións da insuficiencia mitral severa (IM) en pacientes con insuficiencia cardíaca con fracción de eyección reducida (ICFEr) ‘de novo’. «O seu carácter innovador radica no enfoque integral que combina datos clínicos, analíticos e ecocardiográficos cun análise detallado dos desenlaces pronósticos e o impacto das estratexias terapéuticas utilizadas».

Tras recoller o galardón, a Dra. Inés Gómez Otero explicou en que consiste o estudo, que levará a cabo en dous hospitais de referencia: La Fe de Valencia e o Hospital Clínico Universitario de Santiago. «Trátase de identificar precozmente os pacientes con insuficiencia mitral severa que non respondan o tratamento médico convencional para mellorar o seu prognóstico, seleccionando as estratexias terapéuticas máis avanzadas de forma personalizada, para previr desenlaces adversos e mellorar a calidade de vida destes pacientes, á vez que se distribúen de maneira máis eficiente os recursos», sinalou a investigadora.

Impacto na calidade de vida do paciente

O proxecto ten un impacto potencial «significativo» na calidade de vida dos pacientes, «ao propor estratexias personalizadas que melloren a súa síntomatoloxía e reduzan as hospitalizacións recorrentes». A aplicabilidade dos resultados é ampla xa que, ao identificar factores preditores de resposta ao tratamento médico, poderase facer unha selección máis precisa dos pacientes que poderían beneficiarse de intervencións avanzadas precoces, como as técnicas de reparación percutánea. «Isto podería evitar tanto desenlaces adversos como o uso innecesario de recursos en pacientes que responderán ao tratamento farmacolóxico, optimizando así os custos do sistema de saúde», indica a Dra. Gómez Otero.  

Ademais, os resultados do estudo poderán servir como base para futuras investigacións multicéntricas e ensaios clínicos prospectivos. Este enfoque integrador tamén fortalece a capacidade de innovación na atención sanitaria, promovendo un modelo de medicina máis preciso e eficiente.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)