A directora de Operacións de Dihgigal, Josefina Alonso, Premio Ada Byron
Recollerao xunto a outros premiados en distintas categorías na XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2025, o vindeiro 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O gran punto de encontro entre colexiados do CPEIG e moitas empresas, enxeñerios informáticos e profesionais TIC.
Antes de Dihgigal e durante 17 anos, traballou no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), onde foi responsable da Área de Calidade Electrónica e Seguridade Funcional e, previamente, enxeñeira de software en SoftwCare, especializada na verificación e validación de software de sistemas en sectores como a aeronáutica e o espazo.
Desde hai tres anos é a directora de Operacións no Digital Innovation Hub da Industria de Galicia situado en Vigo, que traballa na transformación dixital en sectores como o naval, a automoción, agroalimentario e TIC funcionando como unha rede de colaboración para conectar industria, centros tecnolóxicos, universidades, startups, empresas e administracións. Alí crean a conexión entre oferta tecnolóxica e demanda empresarial. “Xestiono a execución de proxectos, coordino equipos, impulso alianzas e acompaño a empresas no seu camiño á dixitalización”, explica.
.jpg)
Josefina Alonso viviu ata os dez anos en Xenebra, pero a familia regresou a Ourense, onde estivo ata rematar a carreira na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Sería en Vigo onde comezou a súa traxectoria profesional de máis de 25 anos. “Desde o meu primeiro contacto coa enxeñaría informática sentín que se trataba dunha ferramenta cun enorme poder transformador, non só para desenvolver tecnoloxía, senón para mellorar a vida das persoas”.
A maiores cubre vocación formadora en Vitae Consultores, onde imparte formación para a xestión de proxectos, comunicación, xestión de equipos e liderado tanto en empresas como en institucións. Tamén é docente no Máster de Automoción e o Máster de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e no programa de Expertos Lean do Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CEAGA).
Comentarios (0)