Máis axilidade burocrática e un proxecto tractor madereiro en Santiago para crear e atraer novas empresas
Esta mañá o Centro Empresarial do Tambre acolleu dúas mesas de traballo arredor de dous sectores con potencial para a capital galega, a madeira e a biotecnoloxía. “Por exemplo, non temos residuos da madeira, temos subprodutos que se poden valorizar. O que se necesitan son grandes facilitadores e non depredadores de proxectos”, dixo o secretario da asociación empresarial do Tambre, Ramón Lois, durante os debates.
Na mesa da madeira que estreou a mañá se puxeron de relevo os -moitos- trámites aos que obrigan as administracións públicas para poñer en marcha un proxecto empresarial, mentres temos recursos de sobra para desenvolvelos na primeira e segunda transformación.
Nesta primeira mesa estaban o presidente en Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Jose Manuel Iglesias; o experto forestal Daniel Villapol, representante de XERA (Axencia Galega da Industria Forestal); Norberto Penedo do Igape; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés. Analizaron as debilidades e fortalezas facendo fincapé nas oportunidades que se poden xerar na primeira transformación da madeira, nos seus procesos químicos e mecánicos; e na segunda transformación co contract, mobles e novas tecnoloxías. A edificación industrializada da obra civil é tamén unha boa oportunidade para o gremio.
A xornada pechouse cunha segunda mesa sobre o sector biotecnolóxico do que denunciouse “falta de financiamento público para crear a estrutura de xestión do Biopolo Sionlla”. Alí estaban representantes de Bioga, Mestrelab, Igape, Concello de Santiago, investigadores da USC, Gain, Unirisco e da Asociación do Tambre. Do Biopolo cualificaron positivamente a idea e ubicación próxima a infraestruturas de alcance. Pero botaron de menos un plan de marketing e comunicación para lanzalo nacional e internacionalmente. “Debemos buscar a potenciación do Biopolo, un espazo de primeiro nivel para a creación de sinerxías”
As dúas mesas organízanse no marco do convenio entre o Concello de Santiago e a AAET -nada en 1979 e cuxo Centro Empresarial inagurouse en 1998- para a promoción da industrialización da capital galega.
Comentarios (0)