O sector madereiro, á expectativa
Levamos dous anos de descenso en volume de madeira cortada -máis do 80 % das curtas de 2024 son en Coruña e Lugo -aínda que os empresarios falan de estabilidade en canto a aproveitamentos. Nos montes lucenses o pasado ano cortáronse 3,6 millóns de metros cúbicos dando emprego a 2.700 persoas en máis de 250 empresas extractoras e transformadoras prexudicadas polas novas taxas ás sacas que algúns concellos comezaron a impoñer.
Carmen Gayoso preside e Nuria Rodríguez leva a xerencia de Lugomadera, que hoxe clausuraba Asamblea Xeral e onde o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, apoveitou para anunciar novas axudas.
O responsable público e enxeñeiro de montes aproveitou a xuntanza sectorial para anunciar unha próxima convocatoria de axudas que sobre todo “fará un esforzo para mellorar o apoio a investimentos no subsector do serradoiro”. Segundo os datos publicados no último informe da cadea forestal-madeira de 2023 os rematantes venderon por valor de 423 millóns de euros e o serradoiros facturaron uns 365 millóns.
Este ano xa se convocaron as axudas para tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira á que se presentaron 117 solicitudes. Concretamente na provincia foi a que maior importe de axudas recibiu e a segunda en canto ao número de beneficiarias en relación ao peso a nivel galego, por outra banda. A superficie forestal arboreda representa case o 35 % de toda Galicia.
Polo demais o sector todavía está pendente do Decreto do Novo Contrato de Xestión Forestal Pública prometido para 2025 que establecerá un marco con regras da relación entre Administración forestal e propietarios, substituíndo os consorcios e convenios dos montes veciñais de xestión pública.
Comentarios (0)