Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Coruña recibe máis de 5000 visitantes trala chegada de 3 transatlánticos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 22 DE XULLO DE 2025 · (0)



Xornada intensa no Porto da Coruña este luns coa chegada de tres cruceiros que fixeron escala durante unhas horas na cidade herculina. Dende primeira hora da mañá xa se podía ver a silueta destes enormes buques amarrados nos peiraos de Transatlánticos, Calvo Sotelo Sur e San Diego, tres enclaves localizados a uns minutos do centro e que permitiron a 3.448 pasaxeiros e 1.736 tripulantes achegarse ata a zona turística e comercial gran parte do día.


A gran protagonista do día foi a chegada do Viking Vesta, con 948 pasaxeiros e 486 tripulantesque escolleu o porto da Coruña para facer unha das súas paradas na súa viaxe inaugural. Trátase dun moderno buque de 240 metros de eslora da naviera Viking Cruises, construído polo estaleiro Fincantieri en Ancona (Italia). O capitán, Anders Steen, deu a benvida a bordo ás autoridades co tradicional intercambio de métopas e dixo estar “encantado” de visitar a cidade, algo que, polo visto, comparte cos pasaxeiros da embarcación, pois o barco quedou baleiro durante a súa estadía no porto Coruñés. Procedente da cidade portuguesa de Porto, o cruceiro partiu ás 18:00 horas rumbo Holyhead, no Reino Unido.

Ademais deste amarre de estrea, nos peiraos da Coruña tamén recalaron o Nowegian Sky, con 2.000 pasaxeiros e 900 tripulantes, e o Europa 2, con 500 pasaxeiros e 350 tripulantes. Curiosamente, deuse a casualidade de que esta tripla escala se converteu en cuádrupla durante uns minutos, cando o cruceiro Ventura tivo que entrar brevemente no porto por unha urxencia médica.

Con estas chegadas, o Porto da Coruña acada as 88 escalas de cruceiros e 228.000 pasaxeiros no que vai de ano. Segundo apuntou o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, “a previsión para 2025 é alcanzar un novo récord de cruceiros por cuarto ano consecutivo, con 180 escalas e máis de 450.000 pasaxeiros. Esta cifra completarase con preto de 200.000 tripulantes, o que supoñerá un total estimado de 650.000 visitantes ao longo do ano e un impacto económico superior aos 35 millóns de euros para a cidade e a súa contorna”.

Durante este mes de xullo de 2025 espérase a chegada de 20 buques de pasaxeiros, entre os que destacan outras dúas escalas inaugurais: a do Scarlet Lady o próximo 25 de xullo, e a do Disney Fantasy o 29 de xullo, que será a primeira das seis visitas previstas deste emblemático cruceiro na cidade entre xullo e novembro.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)