Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un paso adiante no proxecto que Biofibras de Galicia quere facer nas Pontes de García Rodríguez



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE AGOSTO DE 2025 · (0)



A firma do grupo Ence quere sacar adiante unha fábrica de pasta branqueada a partir de residuos de papel e cartón recuperado no que era o parque de carbóns da térmica. As instalacións estarán alí mesmo onde farán os dous procesos, reciclaxe e fabricación de pasta de celulosa para obter unhas 100.000 toneladas ao ano. Na planta piloto Regatex, xunto á startup sueca Sharetex, desenvolverán un sistema para obter celulosa reciclada a partir de polialgodón. 

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade, tras analizar media ducia de informes, publica hoxe no DOG que lle dá a Autorización Ambiental Integrada (AAI) .


Nas redes sociais ENCE explica hoxe que traballarán sen usar madeira “empregaremos papel e cartón reciclado cun consumo mínimo de auga e autoabastecidos con enerxía renovable procedente de subprodutos forestais” ademais de usar tecnoloxía de branqueo libre de cloro (TCF). O investimento previsto: ao redor dos 355 millóns de euros cunha estimación de xerar 1.250 postos de traballo, entre directos e indirectos. 

En todo caso este é un paso máis na tramitación do expediente que agora pasa á Consellería de Economía e Industria para a súa autorización definitiva, polo que “non exime ao promotor do deber de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes esixibles”.

Este trámite complétase despois de que en maio a Consellería de Medio Ambiente emitise a DIA favorable, condicionada ao cumprimento das esixencias recollidas en distintos informes sectoriais para minimizar e compensar os posibles efectos na contorna e resultado de 18 informes sectoriais favorables ou favorables condicionados.  

Ence -que coa das Pontes será a terceira fábrica coa que conte xunto á de Pontevedra e Navia (Asturias)-  explica que  “unha planta será de fibra recuperada na que se inclúe a planta piloto de recuperación de fibras téxtiles” e a segunda é de coxeración: d150 MW de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia eléctrica. A terceira, finalmente, será a planta de tisú. 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)