Galicia recibe o que podería ser o "Derradeiro epistolario" de Curros Enríquez
A Cidade da Cultura acolleu o acto de cesión de máis de 30 cartas inéditas do autor do Rexurdimento ao seu grande amigo José Ojea, boticario de Cortegada, político e intelectual galeguista. As misivas manuscritas foron entregadas por Delfina García Paadín ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación do derradeiro espistolario de Manuel Curros Enríquez ao seu amigo José Ojea Otero. Trátase dunha colección composta por 32 cartas inéditas que o autor de Celanova lle enviou entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, algunhas delas escritas tres meses antes de falecer na Habana.
O conselleiro agradeceu a boa disposición por parte de Delfina García Paadín, para ceder estas misivas manuscritas que permiten “achegarnos a Curros Enríquez desde outra perspectiva, a que propician as verbas de confianza cunha persoa, podendo redescubrir outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto”.
No acto participaron tamén Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura e Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua e o profesor Xesús Alonso Montero. O grande experto en Curros destacou a verdade que transpiran estas páxinas dirixidas a un amigo de plena confianza. De aí que o “carácter dogmático e severo do autor” se vexa atenuado nesta súa relación de profundo afecto para amosarnos “o Curros máis humano e afectuoso”, explicou Alonso Montero.
Na correspondencia, da que só se conservan as cartas enviadas por Curros, non só se constata a amizade que une os dous galeguistas desde hai décadas senón a relación coa familia de José Ojea, especificamente coa filla Octavia, coa que mantén unha correspondencia paralela á do pai. Octavia será a destinataria da carta na que o común amigo Galo Salinas describe o enterro de Curros como “soberbio, magnífico, incomparable…”. Aquela demostración de aprecio reunira na Coruña milleiros de persoas o 31 de marzo de 1908. E a carta de Salinas amosa a importancia que Octavia tiña para o de Celanova.
José Ojea Otero
O destinatario das cartas foi, ademais de boticario de Cortegada, escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega. Precisamente unha das poucas fotografías que se conservan del corresponde a este feito e nela está xunto a Curros e Manuel Murguía. Foi probablemente, a última vez que se viron os tres amigos, porque ese mesmo mes de outubro de 1904 Curros partiu definitivamente a Cuba tras unha estadía en Galicia na que pasa por diversas vilas e balnearios nos que trata de recuperarse dos problemas de saúde que xa padece.
Ourense, Mondariz, Caldelas ou A Coruña son algúns dos lugares desde os que lle escribe a Ojea, moitas veces no fermoso papel dos establecementos nos que se aloxa, como seguirá facendo tras o retorno á illa.
Son moitas as decepcións que amosa nestas derradeiras misivas, ás veces de forma aceda, outras sarcástico e moitas veces doído polo uso e abuso que fan da súa persoa. Especialmente grave se amosa a situación familiar, pero tamén son obxecto de crítica a xestión do Centro Galego da Habana ou a creación da Academia Galega.
Valiosa é a constatación das envexas, rivalidades e simpatías entre coetáneos que a íntima amizade entre os correspondentes nos permite coñecer sen argucias. Dona Emilia Pardo Bazán, Enrique Peinador, Manuel Murguía, Rosalía ou Chané son só algúns dos moitos nomes que atopamos neste Derradeiro epistolario no que sobrevoa, tenaz e implacable, a soidade do autor de Aires da miña terra nos postremeiros días da súa vida.
Comentarios (0)