Os tres anos de ascenso de Citanias
A construtora do Grupo Kimak con sede en Culleredo está en proceso de expansión cunha carteira de pedidos crecente e unha facturación o pasado ano de 53 millóns.
Traballar para Inditex sempre axuda pero souberon aproveitar esta tarxeta sen ficar durmidos. Proxectos recentes: Renfe adxudicoulles na Estación de Murcia obras cun orzamento superior a medio millón de euros en liña doutras similares que fixeron en Santiago ou Málaga; a Consellería de Educación do Principado de Asturias confioulles a restauración das fachadas do CIFP Hostalería e Turismo de Xixón e o concello de Valencia adxudicoulle a construción do futuro CEIP Santo Ángel de la Guardia por 10 millóns de euros.
Tras da chegada de Javier Sal como director xeneral, a empresa mudou nome e imaxe, duplicando números, xa que a pechara o 2021 con 25,4 millóns e o pasado ano, como dixemos, foron 53.
Teñen uns 200 empregados e delegacións en Madrid, Barcelona e Sevilla e Canarias.
Entre a lista de traballos recentes están tamén a reforma do Centro Comercial Maremagnum de Barcelona, a rehabilitación da Universidade Laboral de Xixón, o contrato das tendas Movistar de toda España, ou a construción nestes momentos dunha residencia para nenos de coidados paliativos de Madrid. O Ministerio de Ciencia vén tamén de adxudicarlles a reordenación e axardinamento de parcela anexa á Escola de Estudos Hispano-Americanos de Sevilla cunha oferta de case 300.000 euros.
Hai días anunciaran que viñan de obter a certificación ISO 39001 de Bureau Veritas Group, a norma internacional de xestión da seguridade viaria, tanto en obra como nos seus desprazamentos diarios.
Comentarios (0)