Os 29.000 € anuais que reciben os gandeiros de vacún de carne, imprescindibles
Un estudo promovido pola Fundación Juana de Vega, o Consello Regulador das IXP Tenreira Galega e Vaca Galega-Boi Galego e a Cooperativa A Carqueixa, revela que sen as axudas da PAC os ingresos non cubrirían o salario dos gandeiros. Tras analizar 17 explotacións modelo o resultado é que o sector ten unha marxe de beneficio de só 0,25 €/kg.
O vacún de carne non só ten un papel produtivo, xestiona máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria e a súa actividade é decisiva para a prevención de incendios forestais. E sae moito máis barato previlos. A presentación foi en Cervantes (Lugo) reunindo a case 70 persoas entre gandeiros -veu unha delegación de 30 dende Cantabria-, técnicos e investigadores.
A principal partida de gasto é a alimentación, que consome preto do 39% do total de custos (33.193 €). Séguelle a retribución do traballo(31,1%), calculado en base a 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional. O custo de produción sitúase en 8,22 €/kg, fronte a uns ingresos de 8,47 €/kg, deixando unha marxe mínima de 0,25 €/kg.
E cal é a maior fonte de ingresos? A venda de animais (67,4%), principalmente tenreiros. Con todo o 34,2% dos totais provén de subvencións públicas, cunha achega media da PAC duns 29.000 euros por gandería.
O denominado Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo presentou un exhaustivo estudo de custos baseado en 17 explotacións modelo de vacasde cría, revelando un modelo produtivo de dimensións pequenas e medianas. A granxa tipo conta cunhas 56 vacas nutrices e ao redor de 60 hectáreas de base territorial, sostida principalmente polo traballo familiar. Estes son os datos de 2024: Custos / Gastos Totais (incluído salario titular) 85.950 € Ingresos Totais 88.615 € Marxe de Beneficio (adicional ao salario) 2.665 € Renda Dispoñible (se non se imputa o salario) 29.400 € Dependencia Crítica José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, foi categórico na presentación, " as axudas da PAC son determinantes para a viabilidade. Sen elas, os ingresos non cubrirían nin sequera un salario para os titulares". As axudas públicas equivalen practicamente á renda dispoñible das granxas, non fai explicar a vulnerabilidade estrutural dun sector que se basea no traballo familiar. Na xornada tamén se falou dos altos prezos -pola redución do censo de gando, o impacto da Guerra de Ucraína e enfermidades como a EHE-, e presentáronse exemplos de éxito na venda directa e a xestión de pastos comunais. O Grupo Operativo Rede Modelo analiza os modelos produtivos de Galicia cunha rede piloto que permite recoller datos para a monitorización dos custos de produción. Cada Granxa Modelo representaría o sistema de produción máis común en Galicia (por tamaño, manexo e rendementos), cunhas características similares en termos de ingresos e custos.
Comentarios (0)