Máis que despexado para o despegue
Kreios Space, a novísima empresa asentada en Bouzas, vén de ser escollida como a startup máis disruptiva no congreso South Summit, en Corea do Sur, mentres inicia proxectos coa OTAN. Os seus méritos? Crear satélites que voan en órbita terrestre moi baixa, a 200 quilómetros da Terra e sen combustible.
Abriron hai un par de semanas unha rolda Seed de 8M€ liderada por NATO Innovation Fund (NIF) e JOIN CAPITAL, co apoio dos investidores da rolda pre-Seed: Grow Venture Partners, Xesgalicia e Tasivia Global.
Coa OTAN ultiman a posta a punto do primeiro satélite que lanzarán ao espazo sen necesidade de tanques de combustible. Se todo sae ben, o proxecto establecerá comunicacións globais, a conectividade dos seus satélites optimiza a 5G nos móbiles e pode cubrir escenarios complexos como océanos ou recunchos remotos.
Como anuncian nas súas redes “seguimos fichando talento”, ou sexa precisan de máis xente.
O sistema que deseñaron para situar satélites en órbitas moi baixas historicamente inaccesibles aproveita a enerxía solar e o aire que rodea á nave para obter o empuxe necesario e mantela en órbita. A firma galega fundada por Francisco Boira e Adrián Sebar, traballa no modelo de voo, a fase en que converten os avances de laboratorio en sistemas listos para o lanzamento espacial cos desenvolvementos, integracións e certificacións que implica.
Hai uns días foron os gañadores nun congreso en Suwon, a trinta quilómetros de Seúl e despuntaron ante 439 empresas e 19 finalistas, ademais de que estar alí serviulles para crear contactos comerciais na Embaixada de España. E levaron tamén este ano os Premios EmprendeXXI Galicia por ser "a startup máis prometedora".
Comentarios (0)