Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Aciñeiras e sobreiras poderían ser cada vez máis habituais



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 14 DE NOVEMBRO DE 2025 · (0)



Especies como o carballo serán en parte substituídas por estas árbores, presentes polo demais en diversas zonas de Galicia, que non ten un clima uniforme senón con variables de humidade e temperatura.

A sobreira precisa veráns secos e cálidos e invernos chuviosos sen xeadas, o que acontece por exemplo na comarca de Lemos, onde está a Sobreira Milenaria de Santiorxo, ou na Estrada (Pontevedra) onde vemos a sobreira do Pazo de Valiñas, de 300 anos (na imaxe). E no parque natural da Serra da Enciña da Lastra, con menos de 600 l/m2 de precipitacións anuais, hai de sempre aciñeiras. O que algúns expertos apuntan é que estes espazos acotados poderían ir a máis.


As aciñeira que dá como froito á landra e que vemos nos campos e montes da Meseta e o litoral Mediterráneo é tamén familiar para os veciños do concello de Rubiá, ao norte da comarca de Valdeorras. E en Moreda, incluída no plan de aldeas modelo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, un grupo de veciños aproveitou o bosque de aciñeiras para criar porco celta, como acontece cos porcos ibéricos.

O que di Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico da RAGC é que a e longo prazo “a raia que separa o mundo florístico eurosiberiano do mediterráneo elevarase en latitude, e as especies arbóreas eurosiberianas como os carballos verán a súa área desprazada cara ao norte ocupando parte dela especies mediterráneas”.

Dende hai un tempo a RAGC e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da USC, organizan unhas interesantes xornadas abertas ao público, conferencias gratuitas arredor da ciencia. Desta volta comezan o luns, 17 de novembro as “XXXVI Xornadas Luis Asorey” que xiran sobre o sector forestal galego, onde Rigueiro é protagonista da primeira conferencia centrada nos incendios forestais e a moratoria do eucalipto.

No relativo aos incendios forestais, apunta a que “cada vez son máis frecuentes os chamados incendios de sexta xeración, moi difíciles de apagar e moi perigosos para as persoas que loitan contra o lume”. Nestes lumes a gran cantidade de combustible dispoñible -a biomasa con capacidade de arder- xera chamas de tal intensidade que modifican as condicións meteorolóxicas da contorna, e mesmo poden formar unhas "nubes de tormenta" coñecidas como pirocúmulos que poden, á súa vez, transformar as condicións no chan. Nalgúns casos parte delas esborrallan -un fenómeno coñecido como rebentón- orixinando ventos diverxentes e racheados aínda máis fortes, de gran perigo para as persoas que se atopan debaixo. 

Esta será a primeira conferencia dunha serie delas que se desenvolverán ata o 27 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo de 19:00 a 21:00 horas. Pódese inscribir para velas online de non poder asistir fisicamente.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)