A coruñesa Cinfo acada os cen traballadores
A empresa especializada en solucións de vídeo, software, servizos dixitais e todo o necesario para que unha televisión por internet funcione, pechou 2025 con sete millóns de ingresos. Con sede na cidade das TIC e clientes moi grandes pero tamén pemes, Antonio Rodríguez del Corral, CEO e fundador -ademais de actual presidente do Clúster TIC galego- confía en crecer ata un 50% en tres anos.
A maiores conta coa plataforma tiivii, que retransmite 250 partidos de diferentes deportes en Galicia, replicada en Asturias.
Nada en 2000 como brazo de R, durante case dúas décadas a firma traballou sobre todo para a matriz, dixitalización, decodificadores… Ata o punto de inflexión de 2018, cando un grupo de directivos propuxo a externalización.
Hoxe combina servizos a grandes operadores e televisións cunha carteira crecente de produtos propios. Traballa para Televisión Española, desenvolve interfaces para operadores como Euskaltel ou R e xestiona sistemas de metadatos en contornas de televisión tradicional e streaming.
Xeración e administración dos metadatos, xestión do vídeo, interfaces e apps de usuario, as webs que dan resposta ás subscricións, codificacións e a encriptación… incluso ofrecen televisión automática xerada e gobernada por intelixencia artificial de alta calidade para pequenos deportes, tendas, marcas, patrocinadores, salas de concertos e industria.
O pasado 2 de novembro Cinfo integrou a solución de Network Slicing de Telefónica. Baseada en 5G, mellora a experiencia do usuario en contornas con conxestión de rede, por exemplo eventos multitudinarios. A compañía de orixe galega convertiuse na primeira empresa española en poder ofrecer a través de aplicacións dedicadas ou da súa plataforma tiivii, un servizo máis seguro, mesmo cando se sature a rede.
Comentarios (0)