Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Elena Pazos e José Antonio Cortés, seleccionados entre 122 investigadores



REDACCIÓN · PUBLICADO O 17 DE ABRIL DE 2017 · (0)



A UDC daba coñecer esta mañá aos dous novos científicos que se incorporan ao recén creado Programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex. Foron escollidos entre solicitudes chegadas de 21 países de Europa, Asia, África e América moi interesadas en participar nesta primeira convocatoria nada para atraer investigadores novos a Galicia.


Os dous teñen uns curricula brillantes e no caso de Elena Pazos, trátase dun retorno á Galicia na que se formou, xa que estaba no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña. InTalent conta co financiamento de Inditex con 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores que se incorporarán nos anos 2017, 2018 e 2019.

O reitor da UDC, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Salvador Naya, presentaban aos recén chegados esta mañá lamentando “que só se puidesen seleccionar dous, porque a calidade das solicitudes di o nivel dos que temos e indica unha ausencia de canles para dar unha carreira investigadora estable”. Elena Pazos agradeceu esta convocatoria “que non é habitual no noso país para os investigadores novos coma nós” e José Antonio Cortés tamén tivo palabras de agradecemento “polo apoio á xente que queríamos volver do estranxeiro”.

Elena -nada en Marín- doutorouse pola USC en 2012 traballando na síntese de sensores fluorescentes para a detección dalgunhas proteínas implicadas en cancro. Durante a súa etapa doutoral foi visitante no Trinity College Dublin (Irlanda) e na Universidade de Illinois (Estados Unidos). Ao finalizar recibiu unha beca postdoutoral da Fundación Barrié e na Universidade Northwestern levou a cabo investigacións. Traballou na spin-off Medcom Advance e incorporouse no grupo do profesor Ramón Álvarez no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña. O proxecto que levará a cabo no CICA céntrase en sensores intelixentes para enfermidades dexenerativas que non só se poderían empregar para o diagnóstico precoz, senón para comprender os mecanismos que causan a patoloxía. E estudará novos nanomateriais capaces de promover a rexeneración celular.

E canto ao sevillano José Antonio Cortés é licenciado en Ciencias Ambientais e doutor en Antropoloxía Social pola Universidad Pablo de Olavide. As súas investigacións se centran na relación que os seres humanos manteñen co medio desde o punto de vista da cultura e a ecoloxía política. Traballou como investigador postdoutoral Marie Curie nas universidades de Manchester e Sheffield e como profesor na University College London e National University of Ireland-Galway e agora, na Coruña estudará os impactos sociais das políticas de conservación ambiental na Europa post-crise. A través do estudo entre comunidades rurais e costeiras en distintos espazos naturais protexidos de Galicia,o obxectivo será identificar cómo as que habitan estes espazos protexidos están facendo fronte á crise para incorporar unha visión máis social ás políticas de conservación.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)