Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

GTG Ingenieros crea un novo equipo de seguridade no eido da industria 4.0



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE MAIO DE 2017 · (0)



O pasado 28 de abril, con motivo do día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, a empresa especializada en seguridade industrial inaugurou as súas instalacións no Parque Empresarial Porto do Molle, en Nigrán, e lanzou un equipo innovador para a xestión de elementos de seguridade en maquinaria industrial.


Trátase do Safety AutoCheck, un equipo de seguridade pensado como unha solución, adaptable a calquera máquina, capaz de automatizar e dixitalizar o protocolo de chequeo dos sistemas de seguridade. O equipo conta cun sistema intelixente que testea en tempo real o estado dos sistemas de seguridade instalados en calquera máquina, liña ou instalación industrial, garantindo que os procedementos se cumpran e que todo funcione correctamente.

Nunha industria cada vez máis tecnolóxica e dixital, este procedemento séguese realizando a man, en papel e a criterio dos operarios que ás veces o respectan e outras non. Isto xera, ademais de maiores riscos de accidentes, perdas de tempo para os operarios, e polo tanto para a empresa, xa que a máquina non se pode poñer en funcionamento ata non ter chequeado os seus elementos de seguridade.

Este sistema, único no mercado, ten como principal vantaxe a dixitalización do protocolo de seguridade, facéndoo obrigatorio, o que minimiza os erros humanos e xera produtividade. Calcúlase un aforro de ata un 95% de tempos en intervencións e revisións xa que o equipo as realiza de forma continua, sen deter a produción. Todos os datos obtidos polo equipo contrólanse a través dunha interface web (dende calquera dispositivo electrónico), accedendo así á información en calquera momento e dende calquera lugar.

Innovación galega

O desenvolvemento do equipo xurdiu como unha necesidade de varios clientes e GTG Ingenieros xa ten solicitudes para diferentes sectores industriais. Isto é unha demostración máis de que dende Galicia, se innova e se ofrece equipos de seguridade que se axustan á realidade da cuarta revolución industrial, que xa é un feito a nivel nacional e internacional.

O responsable de dar a benvida á inauguración ás máis de 130 persoas presentes foi o xerente da empresa, Pedro García-Trejo González, quen falou da traxectoria da empresa e a importancia da seguridade industrial. Logo interveu a delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e pechou a oratoria, a secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)